terça-feira, junho 27

O índice

A imprensa comezou a morrer o dia en que perdeu o seu rol histórico no mercado. Cando as grandes superficies comerciais desbancaron ao estabelecemento multiservizo do rural e mais às prazas de abastos e às pequenas loxas de bairro nas vilas e cidades, velaí o princípio da fin. Outros usos hixiénicos fóranse dando a esquecemento.

Aos meios que non viven do imposto revolucionário nen do ouro de Moscovo abondarialhes con mostraren un mínimo de respeito (chamémoslhe “intelectual”) pola audiência. Deixando de lado a profesionalidade e mais a calidade do trabalho de documentación e transmisión da información (sexamos realistas, que para algo nos agardan a resurrección e a vida eterna),
a manipulación, a falsidade, a ocultación e a terxiversación son mais facilmente detectáveis que calquera gralha ou malformación sintáctica e, ademais, sen necesidade de programa informático nengun.

Mas aqui, quitados os enfrontamentos entre os competidores direitos e os oligopólios mediáticos, todo fica dentro da mesma confraria e parróquia virtual do para-olimpo periodístico. Hoxe por ti, manhá por min; cada un na sua casa e o silêncio corporativo na de todos.

Que razón de ser pode ter un Coléxio de xornalistas que tolera a censura aberta ao Ramonet e ao Ramón Chao, sen irmos mais lonxe?

(Pido desculpas a quen merece reconhecemento polo seu trabalho, cando o problema destas lérias é que os de sempre seguen campando ao seu antoxo, créndose uns fenómenos da comunicación, e as únicas persoas às que lhes importa algo disto son as que xa adoitan fazeren o que está na sua mao).

En canto à comédia da presunción de inocência, en Euskal Herria a xente non-abertzale lavávase as maos sobre a sua responsabilidade nos asasinatos e demais atentados de ETA, cuma autoxustificación fondamente interiorizada cara as vítimas: “algo faria”, pensavan e dizian. E na Galiza, para uma vez que os políticos case cumpren coa sua obriga, velaí van os meios detrás a traduzírenlhes en palavras a pantomima legalista.

Seria, entón, procedente a presentación duma iniciativa parlamentar que proponha a paralización das subvencións aos centros de ensino dependentes da Igrexa Católica —e dos seus brazos empresariais—, mentres a Conferência Episcopal non condene e impida as práticas pederastas dalgun membro do clero? Seria lexítimo relacionarmos Igrexa ou Xerarquia e pederastia?

Penso que xa vai sendo tempo de escoitarmos o rexeitamento oficial sincero do terrorismo de Estado, por boca das Cortes, do Governo espanhol e do PSOE.

Pode ser certo que todas sexamos iguais perante a Lei. Mas, polo visto, a realidade, a história e moitos versículos tamén prescreven.