segunda-feira, fevereiro 20

Corazón de porco

“Um carácter que em princípio só apareça, como manifestaçom atávica do criptótipo, nuns poucos indivíduos poderá difundir-se numha populaçom desde que goze de vantagem selectiva e, nalguns casos, poderá mesmo tornar-se característico da espécie, transmitindo-se como tal às espécies filhas”.
(Walter Sudhaus e Klaus Rehfeld, Manual de Evoluçom e Sistemática, Laiovento; traduçom de Carlos Garrido)

Entramos no tempo litúrxico das laconadas do Entroido coa sua conseguinte sobremesa de orelhas e filhoas. Alguma análise antropolóxica vinculará esta ancestral prática ritual coa inxesta de proteínas, graxas e hidratos de carbono indispensável para a subsisténcia dos homínidos cazadores-recolectores (e suponho que tamén para quen tivera calquera outra ocupación ou pasatempo). Outra xente falará dos mais recentes tempos da fame.

Porén, acudimos xeralmente à chamada da carne simplesmente para desfrutar dun xantar acompanhado de vinho, auga ou o que a cadaquen mais lhe prestar e, fundamentalmente, para botarmos a língua a pacer —que, dadas as últimas novas da corte, haverá matéria abonda sobre a cal praticarmos o desporto no que acadamos as mais altas cotas internacionais—.

Numa entrevista realizada uns meses atrás en Radio 3, Efrén López, multi-instrumentista fundador do grupo valenciano L’Ham de Foc, explicava o significado do título da sua nova gravación: Cor de Porc.

As suas inquedanzas musicais fixérono evoluir desde uma antiga devoción por Led Zeppelin —e nomeadamente pola man mais acústica do teclista e intérprete de diversos instrumentos de corda, John Paul Jones (autor tamén de pezas baseadas na música ibérica do XVII)—, pasando pola renovación da música do País Valencià con Al Tall e Miquel Gil, até a confluenza das diversas fontes tradicionais mediterráneas que caracteriza o trabalho da banda que formou coa sua companheira Mara Aranda, letrista e cantante do grupo. Mesmo non duvidaron en trasladárense a Creta co seu filho para poder estudar con Ross Daly, irlandés especializado en músicas modais gregas e do Mediterráneo.

Contava o Efrén na entrevista que, falando cos músicos que participaron na gravación, queria expresarlhes a insatisfacción que sentia cando non conseguian acadar o resultado que estava a procurar (quen tivera ocasión de escoitalos hai un par de anos, en Compostela ou Lugo, na apresentación de Cançó de dona i home decataríase do seu perfeccionismo). Esa sensación de baleiro era o que pretendia transmitir: o desacougo de ficar, en palavras suas, co corazón como o dun porco.

Seica, nesta tesitura, dizian por terras de Celanova: "O caso é que sexan saninhos".