sexta-feira, dezembro 30

Selección natural

O partido de onte serviu tamén para que mais meios de comunicación e periodistas empregaran o galego.

Esta utilización por parte de persoas que adoitan usar o castelán, e que alguén cualificará de ocasional ou litúrxica, é digna de reconhecemento e agradecemento. Porque a escolha de língua tampouco é inocente.

Ainda que non sexan fumadores, no seu interior ben o saben.

terça-feira, dezembro 27

Os imprescindíveis (II)

Despois de bastante tempo sen ler o blog promocional de Jaureguizar (xa que logo, ten todo o dereito e, de feito, se el non se preocupara, ia dado) vexo que concordo na consideración que autores, editores e Administración deven ter cos leitores.
Alén dos clubes minoritários, faise precisa a criación duma mais extensa Asociación de Leitores e Espectadores da Galiza (ALEGA poderia ser un nome), con intención de exixir dereitos e expor iniciativas para facer fronte á incúria e prepoténcia dos sectores implicados na parálise cultural.

Tocando as bolas

O livro de agasalho no partido da selección galega (parabéns ao Pereiro e o Souto) é moi boa intención. Mágoa que a escolma sexa un novo xeito de afastar a calquera persoa que non estea xa convencida.

sexta-feira, dezembro 23

A cartilha

Ainda que García Márquez falara cos brazos apoiados no respaldo da cadeira e arranxara o seu mundo galego-gorbachoviano mentres se mazava con Fidel, tamén dixo que o escritor conhécese mais polo desbotado que polo publicado.

Que, mesmo no seu caso, non vai ser todo conto.

quarta-feira, dezembro 21

Os imprescindíveis (I)

O feito de viviren dos leitores -directamente ou polo meio das subvencións- non pode interferir na independéncia de xornalistos (xente alheia á profesión, as mais das veces), editores e editoras.
Bo Antroido e feliz ano.
(Parafraseando aos reis da Transición: A próxima semana, falaremos da edición).

sexta-feira, dezembro 16

As portas da perfección

Na muito cansativa e pouco valorada procura da flor da santidade, as tentativas deverian ser pago abondo nos ateigados furanchos de Feáns, Teixido, Boisaca ou Catabois.

quarta-feira, dezembro 14

Branco e preto (2): Desconexión temporal

O reconhecemento dos méritos persoais ou colectivos representa un acto de xustiza e gratitude que transcende o fútil exercício da vaidade.

Un conto moi velho, recreava un formoso universo onírico no que a vontade popular outorgara a Medalha de Ouro da Galiza ao Álvarez Cascos, pola súa destacada actuación perante a catástrofe do Prestige e máis o Prémio Galiza da Comunicación televisiva ao Alfredo Urdaci, polo exercício duma información obxectiva, veraz e sen dramatismos.

Ben cedo, Francisco Vasques poderá engadir a Gran Cruz de la Orden Civil de Alfonso X, el Sabio, á extensa colección de distincións internacionais que condecoran o seu peito.

Hoxe, o presidente da Asociación Galega de Editores salienta a seriedade e induvidável calidade literária dalgúns blogues. No nome de todas as persoas agraciadas: obrigado, Miguel Anxo, por ofereceres tan diáfano espelho.

Por fortuna, os nobres costumes nunca se perden.

sexta-feira, dezembro 9

Branco e preto (1): Carta de axuste

O telexornal da NovaTVG é uma manifestación encomiável de ilustración popular e pluralidade. A información cultural de hoxe estivo protagonizada pola presentación duma biografia de Felipe González. Demonstrando que o saber pode ocupar case tanto lugar como o deporte, adicóuselhe praticamente o mesmo tempo —ainda que algo menos dos meios— que se asignarian para noticiar do celo duma mascote de Victoria Adams. O autor, tentando falar un aceitável galego, denunciou a persecución de que fora obxecto o moi honorável ex-mandatário espanhol.
A sección de Cultura e Espectáculos foi complementada coa notícia da publicación dun livro sobre un sindicato pioneiro na reconversión imobiliária.