sexta-feira, fevereiro 24

24-F

Aos heróis do dia despois: a Sua Maxestade El-Rei de Espanha e o Manuel Fraga Iribarne, tamén valedor do artigo 8 da Constitución Espanhola contra o Parlamento e o Governo bascos, agradecerialhes
—como homenaxe ao Núñez Feijoo— aceiten o agasalho dun agradável paseo português.

· Patologia Social
· Abutere

quarta-feira, fevereiro 22

O 20%

Esta manhá recevin uma chamada do Servizo de Atención ao Cliente de Movistar na que me pediron os meus dados persoais. Por facilitarlhe o seu trabalho à operadora, din o meu nome mas negueime a dizerlhe o meu número de DNI, momento no que a rapaza despediuse e cortou a comunicación.

Para evitar un posível acópio ilegal de dados ou estafas a outras persoas, decidin chamar ao devandito Servizo e perguntei se me podian atender en galego. Despois de mantermos un diálogo absurdo, dixéronme que non e confirmáronme que a chamada anterior fixéraa uma operadora sua.

Aproveitei entón para solicitar a minha baixa de Movistar até que puxeran en funcionamento un Servizo de Atención ao Cliente en língua galega. Pasáronme a un responsável do departamento correspondente, quen quixo facerme ver que tinhan operadores en inglés, francés e alemán; ao que lhe retruquei, en inglés (xa se sabe que a ignoráncia é moi ousada), que eu só desexava falar na minha língua —por outra banda, oficial na Comunidade Autónoma desde a que estava a falar, segundo o Estatuto de Autonomía de Galiza,
etc—. O feito de eu falarlhe en inglés (?) e nun ton distendido fixo que o tipo adoptara melhores modais dos que amosara até entón. Semelhou que “comprendera a minha mensaxe”.

Insistin en que queria darme de baixa e que me avisaran, se querian, cando dispuxeran do servizo en língua galega, para contratar de novo con Movistar. Deixei claro que non queria sentirme coaccionado a empregar outra língua diferente da minha e só pretendia que se vira reconhecido o meu dereito a falar na língua oficial da Comunidade Autónoma de Galiza.

O responsável pediume uns intres para falar cun “superior”. Despois duns poucos segundos díxome que tramitarian a minha “reclamación” e ofereceume un desconto dun 20% nas minhas chamadas. Rexeitei o desconto e díxenlhe que continuaria como abonado de Movistar só se el persoalmente se encarregava de levar a bo termo a minha solicitude. O home comprometeuse a levar a cabo a encomenda, demostrando comprender o fondo da situación.

Despedímonos cordialmente mas, iso si, en ningún momento falei uma palavra en galego. E, xa que logo, non é a primeira vez que algo semelhante me acontece.

segunda-feira, fevereiro 20

Corazón de porco

“Um carácter que em princípio só apareça, como manifestaçom atávica do criptótipo, nuns poucos indivíduos poderá difundir-se numha populaçom desde que goze de vantagem selectiva e, nalguns casos, poderá mesmo tornar-se característico da espécie, transmitindo-se como tal às espécies filhas”.
(Walter Sudhaus e Klaus Rehfeld, Manual de Evoluçom e Sistemática, Laiovento; traduçom de Carlos Garrido)

Entramos no tempo litúrxico das laconadas do Entroido coa sua conseguinte sobremesa de orelhas e filhoas. Alguma análise antropolóxica vinculará esta ancestral prática ritual coa inxesta de proteínas, graxas e hidratos de carbono indispensável para a subsisténcia dos homínidos cazadores-recolectores (e suponho que tamén para quen tivera calquera outra ocupación ou pasatempo). Outra xente falará dos mais recentes tempos da fame.

Porén, acudimos xeralmente à chamada da carne simplesmente para desfrutar dun xantar acompanhado de vinho, auga ou o que a cadaquen mais lhe prestar e, fundamentalmente, para botarmos a língua a pacer —que, dadas as últimas novas da corte, haverá matéria abonda sobre a cal praticarmos o desporto no que acadamos as mais altas cotas internacionais—.

Numa entrevista realizada uns meses atrás en Radio 3, Efrén López, multi-instrumentista fundador do grupo valenciano L’Ham de Foc, explicava o significado do título da sua nova gravación: Cor de Porc.

As suas inquedanzas musicais fixérono evoluir desde uma antiga devoción por Led Zeppelin —e nomeadamente pola man mais acústica do teclista e intérprete de diversos instrumentos de corda, John Paul Jones (autor tamén de pezas baseadas na música ibérica do XVII)—, pasando pola renovación da música do País Valencià con Al Tall e Miquel Gil, até a confluenza das diversas fontes tradicionais mediterráneas que caracteriza o trabalho da banda que formou coa sua companheira Mara Aranda, letrista e cantante do grupo. Mesmo non duvidaron en trasladárense a Creta co seu filho para poder estudar con Ross Daly, irlandés especializado en músicas modais gregas e do Mediterráneo.

Contava o Efrén na entrevista que, falando cos músicos que participaron na gravación, queria expresarlhes a insatisfacción que sentia cando non conseguian acadar o resultado que estava a procurar (quen tivera ocasión de escoitalos hai un par de anos, en Compostela ou Lugo, na apresentación de Cançó de dona i home decataríase do seu perfeccionismo). Esa sensación de baleiro era o que pretendia transmitir: o desacougo de ficar, en palavras suas, co corazón como o dun porco.

Seica, nesta tesitura, dizian por terras de Celanova: "O caso é que sexan saninhos".

quinta-feira, fevereiro 16

Campanha eleitoral

Se o que pretenden é restar votos ao BNG, pola minha parte xa o conseguiron.

Se o fascista conspira na sombra
O que faz falta é avisar a malta
O que faz falta é dar poder à malta

José Afonso

quarta-feira, fevereiro 15

Enxebreza e prexuízo

Os soldados negros afectaban ás veces entre eles mesmos un “acento negro” sumamente pronunciado —canto menos respectaban a gramática, mellor—. Asasinaren a gramática parecíalles un pracer; encontraban aí unha forma de compensaren simbolicamente os sentimentos de frustración.

(Gordon W. Allport, A natureza do prexuízo, citado en Idioma e poder social, de Rafael Lluís Ninyoles)

segunda-feira, fevereiro 13

A máquina rexistradora

Tan fundamental como a liberdade de expresión, se non mais, é o dereito a recever uma información veraz, obxectiva e contextualizada.

Os profesionais da información padecen inumeráveis travas no exercício do seu trabalho e a ninguma persoa se lhe vai esixir uma conducta heroica. No entanto, existen determinadas actitudes entre moitos membros de colectivos socialmente moi pechados, como xornalistas, médicos e políticos, que manifestan uma falta de rigor e un fondo desprezo autosuficiente cara o resto da povoación.

As principais coaccións para os xornalistas poderian vir das contas de resultados e o conselho de administración. As cotas de programación, o volume de vendas e a defensa duma linha concreta de intereses poden ser mais prexudiciais para o informador que uma censura aberta e directa; entre outras cousas, porque o periodista cede perante o espelhismo das cifras e as presións editoriais como se foran o destino ineludível: a férrea ditadura do “éche o que hai”. En comparación con esta censura intanxível —e a meirande parte das veces autoimposta—, nen a premura do tempo nen as propostas dos xefes son significativas.

Xa que logo, plantexarse todo isto só teria certo sentido nun mundo no que os profesionais da comunicación se preocuparan do alcance social do seu trabalho; se o cinismo e a síndrome do queime non imperaran maioritariamente entre o grémio.

A vontade crítica axuda a distinguir o xornalista do mero escrevente e opinador a soldo.

sexta-feira, fevereiro 10

O brazo incorrupto

Francisco José Vasques Vasques vai ser nomeado embaixador de Espanha perante a Santa Sé.

Franco finou na cama; Fraga Iribarne, nas urnas e Vasques, nas saias do Vaticano.

Non sei o que dirá a História da sua persoa, mas agardo que polo menos a xustiza non o absolverá.

quinta-feira, fevereiro 9

Casa Ébora

Partidos da esquerda tentam organizar uma frente comum.

quarta-feira, fevereiro 8

Canhóns por banda (Caricatura aberta à SGAE)

Estigmado Eduardo Bautista e demais tropa de artistas e xurisconsultos:

Levo anos realizando uma actividade artística pola cal, até hoxe, ainda non recevin retribución alguma –fóra do consecuente prazer espiritual e físico do acto criativo– e acho que, embora simples galego submetido à lexislación do Reino de Espanha e da Unión Europeia –que en paz descansen–, como autor intelectual e material duma cuestionável obra multidisciplinar, véxome na moi satisfactória obriga de asignarlhes a sua correspondente parte do pastel.

A minha intervención plástica (para alén do conceito de instalación e performance) consiste na transformación dun material orgánico de diversa composición, textura e procedéncia, por meio duma complexa reacción fisico-química gastro-duodenal parasimpática, nun produto filharmónico, escultórico, aromaterapéutico e gastronómico que, sen perxuízo de melhor critério e deixándoo à livre consideración do receptor da obra, decidin baptizar cuma eufónica onomatopeia e, asemade, estarrecedora metáfora do desacougante impacto pragmático-resolutivo asistencial que caracteriza aos nosos tempos.

“EAGS”, en fin, ven sendo o nome deste meu morno artefacto partoxenético.

Para calquera comunicación ou calquera outro acto –consentido por ambas as minhas partes– que quixeran levar a termo, poden ponherse en contacto con esta bitácora ou ben dirixirse a:

autoresdemerda.com (páxina persoalmente transferível)
canonpirata@sxamc.es (Sociedade Xeral de Autores da Mesma Corda, en constitución)
tomarvento.org

quinta-feira, fevereiro 2

Dereitos humanos no Estreito (1)

· Umas 10.000 persoas perderon a vida tentando entrar en território espanhol desde Marrocos durante os dez últimos anos, segundo se informou no Congreso Mundial sobre Movimentos Humanos e Imigración, dentro do Forum de Barcelona 2004.

· Entre 8.000 e 10.000 persoas morreron ou desapareceron no Estreito entre 1989 e 2002, segundo o estudo realizado polo Consórcio Euromediterráneo para a Investigación Aplicada sobre Imigración Internacional (CARIM).

· No entanto, a imigración subsahariana supón só un 4% do total da povoación imigrante en Espanha.

Dados do informe da Asociación Pro-Derechos Humanos de Andalucía (APDHA):

·1) 1997: 149 mortos ou desaparecidos contabilizados.

A Asociación de Amigos e Famílias das Vítimas da Imigración Clandestina (AFVIC) afirma que entre 1997 e 2001 recuperáronse, nas duas beiras do Estreito de Gibraltar, 3.286 cadáveres de imigrantes afogados, ainda que calcula que por cada corpo recuperado hai tres desaparecidos.

·2) 1998: 189 mortos ou desaparecidos contabilizados.

·3) 1999: 66 mortos ou desaparecidos contabilizados.

O xornal marroquino Libération estima en 3.450 os mortos na década dos 90.

·4) 2000: 230 mortos ou desaparecidos contabilizados.

·5) 2001: 88 mortos ou desaparecidos contabilizados.

·6) 2002: 152 mortos ou desaparecidos contabilizados.

·7) 2003: 236 mortos ou desaparecidos contabilizados.

·8) 2004: 289 mortos ou desaparecidos contabilizados.

·9) 2005: 368 mortos ou desaparecidos contabilizados.

quarta-feira, fevereiro 1

A cidade da cultura

Depois da conferéncia do vicepresidente da Xunta, o pasado dia 18, no Instituto de Estudios Políticos y Sociales, baixo o título de "A Galicia responsable", hoxe amplíase a oferta cultural da Corunha coa disertación do Secretario de Organización y Coordinación da Comisión Ejecutiva Federal do PSOE, José Blanco López, que estará acompanhado polo alcaide da cidade herculina e mais o Secretário Xeral da Agrupación Socialista Corunhesa e concelheiro, Javier Losada.

Data e horas: Hoxe, quarta-feira, 1 de fevereiro às 20 horas.
Título: La España plural.
Lugar: Hotel Hesperia, Rua Juan Flórez, 16, A Corunha.

Por outra banda, amanhá, dia 2 de fevereiro, quinta-feira, terá lugar a apresentación do primeiro número da colección Letras da Academia, Poesía Galega Completa IV. Os Eoas (a obra está mais abaixo no listado desta ligazón), de Eduardo Pondal, edición de Manuel Ferreiro, e mais Estudos sobre Os Eoas de Eduardo Pondal, de Xosé Ramón Pena e Manuel Forcadela.