sexta-feira, julho 29

Móbiles e coberturas

Un par de indivíduos entra na sede da Comisión Nacional del Mercado de Valores en Madrid e, segundo a versión oficial, leva só un telemóvel e tabaco.
A Axéncia Tributária comete uma errata num expediente, pola que poderian ter prescrito as irregularidades do investigado.
Algumas guerras gánhanse fóra do campo de batalha.

Leabhar Gabhala, XXI

Quen baixo mal mito se abeira, mala sombra que o acubilha.

quarta-feira, julho 27

A cara oculta da rúa

Os réptiles mudan de pel coa nova estación.

terça-feira, julho 26

A história minúscula

"No entanto, nin a organización nin a estrutura social experimentaron modificación alguma" em Rosario Villari, A revolta antiespanhola en Nápoles. As orixes (1585-1647), Alianza Editorial, versión ao espanhol de Fernando Sánchez Dragó.

quinta-feira, julho 21

Incompeténcia desleal

o samba é pai do prazer
o samba é filho da dor
o grande poder transformador

Gilberto Gil e Caetano Veloso

quarta-feira, julho 20

Terra incógnita (I)

de perto ninguém é normal

Caetano Veloso

segunda-feira, julho 18

Baraka

No mes de abril, Mory Kanté falou no auditório da Fundación Barrié sobre a música e a literatura oral dos griots. En sintonia co seu “manager” estadounidense, que estaba sentado entre o público, Kanté debulhaba pensamentos e histórias destinados a engaiolar uma audiéncia abraiada por un xustificado complexo de culpabilidade, diante da crúa realidade africana. Entre anécdotas persoais relacionadas coa súa condición de griot, fixo uma análise demagóxica e clasista —non exenta de ideas interesantes— da situación económica e política xeral de África.
Na rolda de intervencións dos asistentes, respostou a un músico senegalés afincado n’A Corunha, utilizando o concepto pre-coránico da baraka (de onde procede a palabra “baralha”), forza psíquica vencelhada a persoas e lugares transmisores de enerxia benefactora, tanto no eido espiritual como no material. Na nosa cultura, temos manifestacións semelhantes no mausoleo de Santiago Zebedeo, en Compostela; no santuário de San Bieito, en Ancéis (concelho de Cambre); no Festival do Mundo Celta de Ortigueira; na romaria interparroquial do Monte Faro; nas cualidades espirituosas do Plano Galiza ou no magnetismo persoal de Pepe Blanco.

sábado, julho 16

O río da prata

O café da manhá tomeino no bar dun carbalhés retornado da Arxentina, emigrado corenta anos naquel país e na vecinha República Oriental do Uruguai. O quiosqueiro saúda con sotaque pratense. Ante onte fun xantar a un bar con ementa do dia, rexentado por arxentinos. Na zona onde trabalho escóitase falar portugués brasileiro pola rúa con moita frecuéncia. Neste bairro moran ou trabalhan persoas de Cuba, Colómbia, Senegal, Cabo Verde, Marrocos, Alxéria, Ucraína, China, Rúsia ou Roménia.

quinta-feira, julho 14

O traxe novo

Cando Aznar chegou ao poder na Espanha do tardofranquismo, suponho que moitas persoas pensaron del o mesmo que opinaba Hormaetxea da Toucinho (visitar hemerotecas altopornográficas, de subido escarnho ou deschavado maldizer): rebaixando un tanto o ton, digamos que non lhes erotizaba en exceso.
Tampouco é que Zapatero tivera un carisma espectacular antes de desatarse o espelhismo.
Canta xente da que agora o despreza, perderá a súa honra —os seus barcos ou o que cadrar— no momento en que Tourinho sexa o residente na Xunta?

A radiação cósmica de fundo

Despois da Big-band (González, Guerra, Barrionuevo, Vera, Rodríguez Ibarra, Bono, Vasques) eis, ao vivo, o Trio dos açores.

Disco raiado

É incerto que a era dixital rematara de vez cos discos raiados.

terça-feira, julho 12

Veículo longo

Uma marea de xente da Galiza combate os lumes en Portugal, en Catalunha e na súa terra, con grave risco da própia vida.
As emerxéncias unen ás persoas por riba de intereses pseudo-políticos bastardos.
A realidade nunca é inocente e non está para discusións betancinas
—como diria o Rivas que diria Caneda.
Iso si, vémonos en Paredes de Coura.

segunda-feira, julho 11

Sangue, suor e pátrias

A solidariedade é uma moeda cun valor moi fluctuante. As mortes de Londres tenhen menos peso que as de Madrid, por moita bandeira británica que exhiba o alcalde d’A Corunha. Diante duma catástrofe, os medios de comunicación tranquilizan á audiencia cando non hai cidadáns da súa nacionalidade entre as vítimas. As metrópolis dóense dos desastres nas súas antigas colonias —sexan estas América Latina ou Timor— máis do que noutros países do mundo. A explosión duma bomba no Iraque nunca é tratada como uma traxedia humana. A fría contabilidade das mortes no Estreito e a case nula denuncia dos campos de concentración para inmigrantes en Espanha, contrastan co tratamento do 11-M e dos presos de Guantánamo.
As varas de medir e de azoutar mudan pouco de obxectivo e demasiado de tamanho.

Bússola

Aquí pasou o que vai pasar.

terça-feira, julho 5

Fontes

Sendo ministro do Interior, José Luis Corcuera eludiu a pregunta dun xornalista numa rolda de imprensa, tentando desacreditar a orixe da súa información: “Mais de que fontes me fala? Fontes de ETA, fontes de HB?"
Nos Estados Unidos abriuse uma investigación xudicial na que se están a vulnerar os dereitos á liberdade de información e ao mantemento do segredo das fontes.
O asunto iniciouse cando uma axente da CIA informou ao goberno estadounidense da ausencia de probas sobre o intento de Sadam Hussein de conseguir uranio enriquecido no Níxer. Bush ocultou eses informes, asegurando que Hussein estaba a procurar o uranio. Como represalia polo mero feito de ela ter realizado o seu trabalho, algún membro da Administración filtrou o nome da axente a un xornalista defensor da política exterior do goberno de Bush.
O máis paradoxal da trama é que a persoa e o medio que publicaron un segredo oficial non tiveron que aportar datos á fiscalía; porén, solicitáronlhos a The New York Times e a revista Time, que se limitaran a investigar os feitos.

sexta-feira, julho 1

Sic transit misseria mundi

O Concelho de Oleiros ven de organizar o primeiro “Reve!a”, Foro Internacional de Fotorreportaxe e Sociedade.
Ante onte estiveron no Auditorio Municipal “A Fábrica”, en Perilho-Santa Cristina, Juan Medina (fotógrafo arxentino afincado en Fuerteventura dende hai oito anos, que trabalha para a axencia Reuters) e Ignacio Ramonet, director de Le Monde Diplomatique.
Medina proxectou o audiovisual “Onde morren os sonhos”: uma sucesión de fotografías súas da chegada de inmigrantes a Fuerteventura, con música de Youssou N’Dour.
Ramonet falou sobre a inmigración na Europa, lembrando tamén a emigración en masa de europeus a moitos países de outros continentes nos séculos pasados. A súa tese principal foi que as causas e solucións da pobreza son políticas, e non económicas; denunciou a fuga de cerebros cara os países máis desenvolvidos; argumentou o impacto negativo da “axuda internacional” sobre as economías locais e defendeu o establecemento de taxas fiscais para recadar fondos destinados á cooperación internacional.