Hai que remontarse nas hemerotecas até onte para atopar a notícia da
primeira celebración oficial do Dia das Letras Galegas por parte do Concelho da Corunha. E tivo que fuxir o condottiero por temor à acción da Xustiza, para que esta institución pública deixara de eludir criminosamente as suas obrigas sociais, políticas e xurídicas.
Mas, embora o que diga o tango, 23 anos son demasiados como para crer que ninguen pode actuar tanto tempo en solitário.
Na República Dominicana, o apoio duma camada de acólitos lambebotas ao sucesor de Rafael Leónidas Trujillo, traduciuse numa sutil máxima que mesmo chegou a tomar entidade como agrupación política: “
O que diga Balaguer.”
Na cidade “cabeza, garda, chave, forza e antemural (!) do Reino da Galiza” —segundo reza no frontispício do seu palácio municipal— tamén existiu un pilar ideolóxico e propagandístico do nacionalismo recluínte propugnado polo alcaide Vasques.
O xornal que agora pretende lavar as maos da sua contribución servil ao vazquismo, aparte das suas próprias accións contra a língua e a cultura galegas —servíndose, ademais, de fondos públicos que tinhan que destinar para a sua defensa—, convertiuse durante todos estes anos nun auténtico
bozo da Galiza real, plural e democrática.
(Afortunadamente, tamén hai xente como Xaquín Marín, Marina Mayoral, Xosé Carlos Caneiro, Camilo Franco, Miguelanxo Murado, Xesús Fraga, Tucho Calvo e moitos outros profesionais que puxeron a sua nota de normalidade entre tanta manipulación, propaganda e desinformación baratas).
Ainda que as atitudes estexan a mudar hipocritamente, as responsabilidades históricas non poden ficar impunes.