segunda-feira, outubro 31

Danos e prexuízos

Un profesor libertário e cuma praxe académica pouco ortodoxa (uma vez entrou na aula cun alvoroço desbordante porque un aluno descobríralhe que a estrutura narrativa de Apocalipse Now, de Coppola, era un espermatozóide), tinha entre a série de leituras escolhidas para encetar o curso, un livrinho titulado A minha luta. Tamén estava o Martelo das bruxas, dos inquisidores alemáns Heinrich Kramer e Jakob Sprenger; e mesmo falara de levar un bruxo ou uma bruxa para debater co grupo.
O home morara no Canadá e non dava crédito ao absoluto tabú que, segundo el, existia no estado norteamericano sobre a morte. De súpeto, perguntava por alguén e resultava que a persoa en cuestión morrera. E ninguén falava do asunto. Nen comentários nen, moito menos, loito.
A minha luta, así, lido fóra de contexto, poderia ser da autoria de calquera persoa revolucionária, politoxicómana ou paciente duma doenza terminal, incluída tamén a política —sempre nos quedará o Senado—. Mas se, levados pola criminalización das línguas e das culturas, pronunciamos o título orixinal: Mein Kampf, é posível que mude o preconceito que tinhamos sobre a obra. Alén dun contido literário que, a dia de hoxe, por tristes razóns históricas é desconhecido para moitos descendentes dos compatriotas e antigos concidadáns e administrados do autor.
Do mesmo xeito, o título latino do texto inquisitorial, Malleus maleficarum, para alguén pode semelhar ainda mais tenebroso do que o galego-portugués.
Afinal, nese curso non houbo bruxas nen soldadinhos de chumbo. Porén, todo segue a estar nos livros.

sexta-feira, outubro 28

O corsé

Entre a intelixéncia emocional e Maquiavelo, Felipe González dirixiuse ao electorado espanhol, tras perder a maioria absoluta, para comunicarlhe que comprendera a súa mensaxe.
Puro can de presa da política, o seu companheiro Alfonso Guerra lembraba que quen se mova non sae na foto.
Ás portas da exposición centrada numa artista mexicana de quen se valora mais a súa biografia que o resto da obra plástica, seria prudente tomar boa nota.
E eu, polo menos, xa kahlo.

segunda-feira, outubro 24

Xestión de emocións

Se você sentir nalgún intre da súa vida:
Invexa de alguma pessoa que escreva melhor que você.
Sobérbia: você acha que é a melhor nova voz narrativa galega dotada duma técnica avangardista, surpreendente e abraiante, dos últimos vinte ou oitocentos setenta anos (ou, no seu defecto, a melhor iniciativa crítica e criativa do blogomilho, das últimas décadas).
Se a você lhe dera preguiza o facto de escrever uma novela de mais de oito (8) páxinas.
Se você desexar a parelha ou descendéncia maior de idade do seu editor, ou quixera manter relacións epistolares coas devanditas persoas.
Se codiciar os prémios alheos.
Se você desexara a morte do seu —ou da súa— principal oponente no sistema literário galego-portugués.
Ou se, por último, quixera comerse ao seu alcalde-presidente para facer parte do mesmo corpo místico (lembre que depois, cando você chegue a velho, xa non lhe estará permitido levar a cabo a inxesta sen a intervención directa do departamento de sanidade animal da Xunta de Galiza): demostración sincera de eterno agradecemento polo indiscutível contributo daquel prohome á modificación da fisionomia do seu lugar de nascimento (obeliscos, templos da cultura emprendedora e repoboación arbórea con espécies mais ou menos autóctonas) e o seu incondicional apoio a uma cómoda substitución da súa língua por outra de maior dinamismo e funcionalidade.
Recapitulando, pois. Como era obxecto inicial deste relatório, se você estiver nalguma destas situacións, non desespere. A solución élhe ben doada.
Coa inestimável colaboración das equipas formadoras da Conselharia de Innovación e Indústria e mais do IGAPE, pode artelhar uma bateria de medidas pontuais e desenhar uma folha de rota “ad hoc” para xestionar as súas emocións, dentro do novo programa de I+D+i da Xunta de Galiza.
E se você non ficara satisfeito, a pesar de todos os espectaculares avances no ámbito da xestión emocional, tenha a previsión de entrar a valorar que tambén haberá quen defenda a hipótese de que, ao igual que algumas brebaxes polivarietais baptizadas de ribeiro, o amor é todo química.

sexta-feira, outubro 21

Centenarismo

Dun tempo a esta parte, respírase uma sensación de medo difuso e soterrado, que ninguén ousa manifestar. O día da eclipse, reinaba uma atmosfera nervosa, de tranquilidade tan só superficial. As contínuas catástrofes e desequilíbrios naturais, as proclamas volcánicas e os exabruptos balcánicos. Todo leva a procurar vías de escape e andrómenas para agochar o xa evidente e inminente Armagedon.

segunda-feira, outubro 17

Profesión de fe (Auto Sacramental)

DRAMATIS PERSONAE:
A Opinión Privada
A Razón
A Sagrada Hóstia
A Mala Fe
A Coroa
O Leviatán
O Cantauctor-Profeta
A Ordenación do Território
A Santa Crispación
As Obras Públicas

Malecón da Praia do Orçamento.
Entran a Opinión Privada e a Razón. Detrás delas, a Sagrada Hóstia e a Mala Fe. Por último, entra -dubitativa e cos olhos vermelhos debido aos vapores duma pintura ignífuga- a Coroa. Nun pao, uma bandeira.

A Opinión Privada: Boa noite e benvind@s, filh@s do rohypnol. Saúdan os aliados dos açores.
A Razón: E benvind@s a este Auto, obrigada por estardes aqui. Que desaloxen os espectros do pasado.
A Sagrada Hóstia: Entre vós dirimiredes os pleitos do corazón.
A Mala Fe: Sen perder nunca a ocasión de facer gasto.
A Coroa: Como do cabo ao princípio, deixemos xa o da puta canción. Que cun mal rípio á nosa bandeira nos desarme.

Salón de Grados da Universidade de Uvieu, Novo México.
Entran o Leviatán, con txapela e barretina e o Cantauctor, espido, tanxendo uma lira galega nun bocoi baleiro. A Ordenación do Território e as Obras Públicas, abrazadas a uma farola. A Santa Crispación, con traxe de poucas luces.

O Leviatán: Falemos do Pla de l’Estany á moda do grande Campmany.
O Cantauctor-Profeta: (Asisado e con sixilo) Amb la llengua, el Principat dona més intimitat.
A Ordenación do Território: (Canta, sotto voce) Come prima, Espanha prima, t’amero...
A Santa Crispación: Quo usque tandem tocarnos tanto as gónadas, Catilina? Pátria sola dos Balcáns, a récia raza dos chetniks. Neste cabo da Fisterra que Bósnia teme e lhe aterra.
As Obras Públicas: Cránio desprecintado! Gora o Santo Ducado e gora San Froilaz Peres de Traba!
A Ordenación do Território: Na reserva de Occidente e sen cama pra tanta xente.
Todoh e todah: Láudanus Deo!
A Santa Crispación: Ja sóc aqui!

quarta-feira, outubro 12

O valo das lamentacións

Anxo Quintana, Ánxela Bugallo, Manuel Rivas, Suso de Toro, Carlos Aymerich, Francisco Rodríguez, Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Manuel Beiras, Lidia Senra, Xosé Manuel Pereiro, Pilar García Negro, Isaac Díaz Pardo, Xurxo Souto, Xaquín Fernández Leiceaga, Ánxel García Seoane, Afonso Eyré, Manuel Bragado, Ghaleb Jaber Ibrahim, Uxía Senlle, Yolanda Castaño, Antón Losada, Xosé Carlos Caneiro, Fran Alonso, Guadi Galego, Antón Patiño, Ana Romaní, Bieito Romero, Antón Reixa, Camilo Nogueira Román, Carlos Blanco, Ceferino Díaz, Carlos Callón, Tucho Calvo, Xesús Fraga, Paco Pestana, Antón Tovar, Luísa Villalta, Manuel María, Camilo Díaz Baliño, Bloque Nacionalista Galego, Partido dos Socialistas de Galicia-PSOE, Esquerda Unida, Nós-Unidade Popular, Frente Popular Galega, AELG, AMELGA, Asociación Galega de Editores, AGAL, ADEGA, Plataforma Nunca Máis, Burla Negra
(Éxodo, XX, 36-82)

sexta-feira, outubro 7

Non pasarán

Desmantelado o campo de refuxiados sen status xurídico de Ben Yunech, as persoas que queren entrar nos territórios de Sebta (Ceuta) e Melilla, despois de meses ou anos de penúrias, e sendo cabeza de ponte de moitas familias e localidades, atopan o valado.
Nun 99,3% dos casos tentarán chegar polo meio que sexa. O restante 0,7% morre antes de poder sequera tentalo.
A lista de Schindler foi uma fita que ensalzou a cara mais humana dun home que decidiu non ser cómplice, en exceso, dos xenocídios nazis.
Hoxe é un orgulho posuír, por dereito e por obriga, a cidadania espanhola.

quarta-feira, outubro 5

Jaureguiçar o que há de bom

Seria injusto nom reconhecer, além de afinidades e concordáncias, as próprias simpatias.
(Um outro dia, Calaza).

terça-feira, outubro 4

O porco deitado

Agora non vaiades trabalhar, que subiron o café e non digamos as gotas.

segunda-feira, outubro 3

Movimento aparente

Xosé Luís Barreiro Rivas escribe hoxe na Voz sobre a introduczón do termo "nazón" na proposta de reforma do Estatut d'autonomia de Catalunya e o seu subseguinte reflexo noutros procesos de reforma estatutária; nomeadamente, no galego.
Podendo concordar, nos aspectos mais formais, con parte dos razoamentos expostos no devandito artigo, penso que o ex-vicepresidente da Xunta erra na súa considerazón do fondo argumental do asunto.
A cuestión real a se debater é que, tanto políticos como opinadores profesionais e cidadáns de a pé, pretenden impedir ás nazóns sen estado o exercício do seu lexítimo dereito á autodeterminazón.
Sen procurar reduczóns ao absurdo nen paralelismos demagóxicos, xulgue o senhor Barreiro se existe algo mais que diferenzas de matiz semántico entre: persoa, cidadán e indivíduo -sexan considerados como termos non marcados, en sentido amplo, ou coas connotazóns sociais, filosóficas, políticas e xurídicas ás que se queran vencelhar-. E deduza as consecuéncias que desas implicazóns se poden derivar.

sábado, outubro 1

A garrafa vazia

Esta manhá emitiuse o último programa desta xeira d'A Tropa da Tralha.
Once anos nos que, frente ao páramo de Maria Pita e a síndrome de Estocolmo ideolóxica e cultural provocada polos gobernos de Fraga Iribarne, o Xurxo Souto e as persoas que o acompanharon —cos ouvintes de Ortegal, Ferrolterra, A Corunha e As Marinhas, Bergantinhos e Soneira— tentaron construír uma Galiza compartida, interxeracional, lúdica e combativa.
Un espazo no que se encontraron a música, a literatura, a ecoloxia e a política: o Zeca Afonso e Manuel María, as mulheres de Ciudad Juárez e as gaiteiras das Marinhas, o Mar Exeo e o Prestige. Na cidade usurpada oficialmente polo espanholismo mais intolerante, encarnado no Marquesinho do Parrote, o Xurxo fixo soar o "Grândola, vila morena" desde os xardíns de Mendes Nunes.
Que vaia ben na nova andaina.
—Partiu.